Nace
en
Bande
(Ourense) no ano 1965.
De neno ten os primeiros contactos coa música de
xeito autodidacta e aprende a tacar a filharmónica, a guitarra e a
gaita galega.
En 1982 forma o grupo ”Soeiras” no que
interpretan música recollida na zona da Baixa Limia e doutros grupos
folk como Fuxan os Ventos ou Saraibas.
Con cantigas para nenos dá o séu primeiro paso como
compositor, quedando por tres anos consecutivos finalista do concurso
provincial e rexional “Cantareliña”, organizado polo grupo de
música folk Saraibas.
Estas cantigas son gravadas e editadas pola
discográfica galega Edigal (1985, 1986 e 1987) e ao mesmo tempo,
a editorial Edebé tamén as publica no seu material curricular
de Educación Infantil.
En 1983 comeza os estudios oficiais de música no
conservatorio de Bande cursando ao mesmo tempo guitarra e frauta
traveseira.
Durante varios anos forma parte da Banda de
Música Municipal de Bande como frautista ao tempo que é
chamado para formar parte dun grupo pioneiro na música folk galega
Arco da Vella (1989 -1998) co que participa en varios traballos
discográficos.
No mesmo ano 1989 comeza en Ourense a carreira de
Maxisterio que remata no ano 1992. Paralelamente nestes anos
realiza varios cursos de Pedagoxía e Didáctica Musical
profundando na metodoloxía de grandes pedagogos entre os que cómpre
destacar Willems, Dalcroze ou Carl Orff (asistindo ós
cinco niveis que completan a súa metodoloxía co seu discípulo directo
Jos Wuytak).
Continúa cos estudios no Conservatorio de Música de
Ourense con Marcos Díaz como profesor de guitarra e Carlos
Núñez Deza como profesor de frauta traveseira, asistindo tamén a cursos con grandes concertistas internacionais
como David Rassel ou Antonio
Arias.
Durante o curso 1992-93 é profesor de guitarra e
frauta traveseira na Escola Municipal de Música de Allariz
(Ourense).
No ano 1993 obtén por oposición en Sevilla a praza
de Mestre de Música. É trasladado a Sanlúcar de Barrameda
(Cádiz) onde traballa como docente durante catro anos nos que forma
tamén parte de Seminarios Permanentes de
Música na Educación.
Continúa perfeccionando a súa técnica de frauta co
profesor Francisco Javier López Rodríguez, especialista en
música do S XVIII e remata os estudios oficiais de guitarra no
Real Conservatorio de Música de Cádiz acadando o título de
Profesor.
No ano 1998 volta a Galicia e profundiza no
estudio de distintos instrumentos populares e tradicionais tanto
galegos (pito e frauta traveseira) como doutras culturas (whistle
irlandés, mandolina ou cabaquinho portugués) empregando a técnica que
asimilou no estudo da frauta traveseira e da guitarra na música
clásica.
Asiste tamén ás clases maxistrais de traverso
barroco impartidas polo profesor Wilbert Hazelzet.
Colabora
en varias ocasións co grupo de folk Ourensán Xeque Mate (Camerata
Meiga).
É un dos fundadores no ano 1998 do grupo Trasmundi,
grupo de música instrumental de autor. O seu primeiro
traballo “Raianos” é gravado nos estudios Elkar de San
Sebastián con Jean Phocas como técnico de gravación. (Clave Records,
2001).
No
ano 2002 colabora na gravación do disco “Que o pano non me
namora” do grupo de música folk
Malvela
(Do Cumio, 2002).
No
ano 2003 obtén unha licencia de estudios da Consellería de
Educación para desenvolver o proxecto Os Instrumentos Musicais Populares e Tradicionais Galegos.
No ano 2005 colabora no disco “Meniños Cantores” no que
participan escolas de Galiza e Portugal como parte dunha candidatura
de Patrimonio Inmaterial á UNESCO.
No 2007 participa como músico, arranxista e productor musical
na edición do disco “Cinsa namorada” do cantautor guardés
Tino Baz.
No ano 2009 forma parte do seminario “Expreso as emocións que sinto
no hospital a través de diferentes manifestacións artísticas”
desenvolto na aula hospitalaria do Xeral-Cíes de Vigo ocupándose da
música tradicional galega no ciclo anual.
Este proxecto acadou:
·
o primeiro premio á innovación educativa 2009,
concedido pola Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria da Xunta de Galicia.
·
premio CREARTE 2009,
concedido polo Ministerio de Educación e Cultura de España.
Co seu grupo Trasmundi edita no 2010 o segundo traballo
discográfico “En tempos que se foron…”
música composta inspirándose en seres máxicos da mitoloxía de Galicia.
trasmundi.net
No ano 2011
coa editorial Ouvirmos publica a "Guía Didáctica de Instrumentos
Galego", un
libro-CD con audio e pista interactiva en formato web, que presenta
unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e
as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. Actualmente
dispoñible na web
instrumentosgalegos.gal
No 2015 publica o libro-web "Pito Galego, Método práctico"
un método progresivo para a aprendizaxe do Pito Galego. Aquí fálase da
orixe e evolución do instrumento e faise un estudo riguroso dos
distintos pitos. Adxúntanse fotografías, máis de 250 gravacións de
audio, máis de 200 exercicios progresivos, técnica, articulación,
afinación, respiración… máis de 50 melodías tradicionais galegas (Alalás,
Alboradas, Muiñeiras, Pandeiradas …) ordenadas por grao de dificultade,
un obradoiro para construír un pito pastoril Galego de cana etc.
pitogalego.gal
No 2016, o festival Música no
Claustro dentro da sección «Amor e vida pola música», fixo un
recoñecemento público polo seu traballo diario na edición, creación e
difusión da cultura musical.
No 2018 coa editorial Canela,
publica TERRA e ALMA,
un LIBRO-CD onde se interrelacionan a música, a fotografía de Carlos
Valcarcel, os sons da naturezae as partituras e letras dos alalás,
elementos que se van dando vida uns a outros, creando unha ampla
paisaxe sonora que transporta ao ouvinte a outra época e a outros
lugares de Galicia.
Na actualidade compaxina a súa profesión de
docente no CEIP Xosé Fernández López de O Porriño, na área de
Educación Musical, coa recollida de música tradicional, concertos,
composición e arranxos musicais, ao tempo que desenvolve traballos
didácticos sobre instrumentos galegos
tradicionais e
populares.
|